Pazo Baión adianta quince días a vendima

    VILANOVA> Pazo Baión arrincou hoxe a campaña da vendima. Preto de 50 persoas comezaron esta mañá coa recollida de acios, que este ano ponse en marcha con quince días de adianto respecto da vendima pasada. Segundo os cálculos, en Pazo Baión recolleranse ao redor de 140.000 quilos de uva de excelente calidade. A vendima deste 2017 tamén é madrugadora en Pazo Baión. A adega arrincou esta mañá os traballos de recollida de acios, despois de que as chuvias da fin de semana axudaran a compensar os parámetros. Así a uva das fincas de Pazo Baión entrará en perfecto estado sanitario. Tamén recollerase cantidade. De feito, calculan que se rondarán os 140 mil quilos. Segundo os cálculos dos técnicos, a vendima das 24 hectáreas de viñedo de Pazo Baión prolongarase ao redor de 15 días. Para esta campaña, a adega conta con case 50 vendimadores. Dez deles forman parte do programa de reinserción de ex-toxicómanos que Condes de Albarei ten en marcha dende o 2008, ano no que mercou o Pazo Baión. Pazo Baión xa vendima a pleno rendemento. Non así en Condes de Albarei. Estes días a cooperativa comezou coa recollida dos acios para elaborar un dos seus viños especiais, o Enxebre, que procede de cepas vellas. O groso da campaña arrincará o día 6, e calculan que rondarán os 3 millóns de quilos de uva recollida.