O porto de Ribeira consolídase como referente da baixura en toda Europa

RIBEIRA> A lonxa de Ribeira pechará o ano con preto de 30 millóns de quilos de peixe e marisco descargados. O porto ribeirense consolídase así como primeiro porto de baixura de toda Europa.

O porto de Ribeira segue a manter o seu liderado. Non só é o primeiro de Galicia en volume de descargas e o quinto en facturación, senón que destaca a súa proxección internacional como principal porto de baixura en toda Europa.

Para manterse como porto de referencia, Ribeira conta cunha infraestrutura de vangarda; unha moderna lonxa dotada da última tecnoloxía con equipos de depuración de auga salgada ou sistemas de control da trazabilidade e da eficiencia enerxética.

Na súa posta en marca, Portos de Galicia investiu máis de 14 millóns de euros co fin de mellorar non só as posibilidades de comercialización do seu produto senón tamén a as condicións laborais de tódolos seus usuarios.

No seu esforzo pola mellora constante, o presidente de Portos de Galicia e o Conselleiro do Mar visitaron as instalacións da rula ribeirense para comprobar o seu funcionamento e recoller novas demandas dos usuarios. Cómpre destacar que ademais do seu valor produtivo, a lonxa de Ribeira ten carácter visitable converténdose nun recurso turístico como valor engadido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí