CIG-Saúde reclama medidas urxentes para rebaixar a saturación asistencial en primaria

BOIRO> O Barbanza sumouse ás mobilizacións en atención primaria convocadas pola CIG en toda Galicia para denunciar a saturación asistencial. A concentración tivo lugar diante do centro de saúde de Boiro que conta, na actualidade, con tres médicos menos dos que lle correspondan.

Despois da semana de folga na sanidade, a CIG segue a denunciar a saturación asistencial, especialmente en atención primaria, con persoal insuficiente para garantir a correcta asistencia ós pacientes. Coas mobilizacións desenvolvidas esta mañá en diversos centros de saúde de toda Galicia reclaman á Xunta a posta en marcha dun Plan de Ordenación de Recursos Humanos que estableza unhas ratios razoables e medidas a curto prazo en función das necesidades de cada centro.

Aínda que a situación non é exclusiva da comarca do Barbanza senón que se rexistra déficit de persoal en toda Galicia, na comarca hai algúns centros de saúde que presentan moitas dificultades como é o caso de Boiro.

De non ser atendidas as súas demandas por parte da Consellería, dende a CIG –Saúde seguirán adiante coa súa folla de ruta na que o próximo 12 de marzo está convocada unha folga xeral para tódalas categorías de atención primaria.