O BNG acusa ó goberno de Nós Pobra dunha total parálise

    POBRA> Os nacionalistas cargan contra o executivo por non levar a cabo actuacións consensuadas nos orzamentos de 2016 de gran importancia para o desenvolvemento do municipio. Á falla xa de poucos meses para o remate do ano e sen presentar aínda o documento orzamentario para o presente exercicio, o BNG da Pobra quixo facer balance da xestión realizada polo goberno, segundo eles des-goberno de Nós Pobra durante este ano. Para os nacionalistas as obras realizadas polo equipo de goberno non van deixar marca nin van formar parte da historia da vila, ó ser mesmo incapaz de levar a cabo aquelas que foran incluídas por consenso nos orzamentos de 2016. Segundo eles trátanse de actuacións de gran calado social como a adquisición dunha parcela para a construción dunha escola infantil, a creación do Centro de Información á Muller ou a rede de centros sociais nas parroquias, así como tamén diversas propostas de mellora de seguridade viaria ou reordenación do tráfico entre outras. Aínda así, para o voceiro desta formación, Ramiro Ouviña, neste tempo déronse ademais dous exemplos sangrantes da incapacidade coa que, segundo el, actúa o goberno de Nós Pobra, como o feito de non por en marcha o Servizo de Normalización Lingüística, a pesares de ter cobrado o 50% da subvención, ou a perda da solicitude de axudas para a creación dunha Área de Rehabilitación Integral.