As festas do Nazareno terán un operativo especial de seguridade

POBRA> O Subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, presidiu a reunión da xunta local de seguridade. Na reunión da xunta local de seguridade, na que ademais do Subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, e do alcalde, Xosé Lois Pîñeiro, tomaron parte representantes das forzas e corpos de seguridade do Estado, así como tamén Policía Local e Protección Civil, tiña coma principal finalidade abordar o dispositivo especial de seguridade previsto para esta vindeira fin de semana co gallo da celebración das festas do Nazareno na que se prevé unha participación dunhas corenta mil persoas. Precisamente debido a esa aglomeración de xente que virá a tomar parte na procesión das mortallas, dende a Subdelegación do Goberno e tamén dende o propio Concello, creuse convinte aumentar o número de controis ese día, para evitar, na medida do posible, calquera incidente. Neste sentido impedirase o acceso de vehículos á zona pola que discorrerá a procesión. No transcurso da xuntanza analizouse tamén a evolución da seguridade cidadá a nivel municipal que se mantén en liñas xerais nuns niveis baixos. Aínda así no último ano notouse un lixeiro aumento no número de delitos, na maioría dos casos pequenos roubos, en concreto de móbiles, polo que se fai un chamamento especial á poboación para que estreme as precaucións durante estas datas festivas. Tamén se incrementou o número de denuncias neste último ano na Pobra por delitos cibernéticos.