O II Congreso da Adopción achegará ‘expectativas e realidades deste proceso

PONTEVEDRA> “De expectativas a realidades” é o suxerente título do segundo Congreso Galego de Adopción, que chega este venres a Pontevedra. A partires de diferentes charlas e actividades, a asociación Manaia busca reflectir a realidade da adopción en Galicia, así como axudar ás familias que estean interesadas, ou xa inmersas, neste proceso. Esta premisa é unha das bases do que esta fin de semana se abordará no Pazo da Cultura. Pontevedra acolle a segunda edición do Congreso Galego de Adopción, que baixo o título “De expectativas a realidades”, busca botar luz sobre este proceso. Coa súa testemuña, diferentes profesionais axudarán aos asistentes a conseguir as ferramentas necesarias para buscar as súas propias solucións. Aínda que, segundo explican dende Manaia, cuestións como o tempo de agarda para adoptar, son preguntas que non teñen resposta. Outro obxectivo que perseguen é mudar o foco das familias que agardan poder adoptar, aos nenos que están agardando un fogar. Só en Galicia hai 400 familias que agardan unha adopción internacional. O Congreso está dividido en dúas xornadas, que se celebrarán o venres e o sábado. O domingo, ademais, celebrarase unha xornada de convivencia de familias adoptivas no Colexio Manuel Vidal Portela.