As emprendedoras pontevedresas xa igualan ós homes en AJE Pontevedra

Vinte cinco anos guiando ós emprendedores e en AJE Pontevedra non deixan de poñer recursos á man daqueles que deciden iniciarse no mundo do traballo por conta propia. Nestes momentos contan con doce proxectos emprendedores que se van formando no seu espazo Emprendedor. Seis liderados por mulleres, outros seis por homes. Unha igualdade que se acadou este ano por primeira vez, e que vai sendo reflexo dos chanzos que van conquistando as empresarias pontevedresas. Existen dous perfís de mulleres emprendedoras na Asociación de Novos empresarios de Pontevedra: recén tituladas que están buscando no emprendemento unha saída profesional, e mulleres que traballaron durante anos por conta allea e queren empezar de cero. Aínda que semella que o emprendemento colleu forza nos últimos anos. Mulleres emprendedoras galegas hóuboas toda a vida. O problema: non era visible. Conciliar a vida familiar e o traballo segue a ser a principal dificultade coa que se atopan as mulleres no campo laboral. O feito de converterse nas xestoras dos seus propios negocios permítelles coordinar mellor necesidades persoais e laborais, sobre todo cando son, como Lucía Pedroso, presidenta de AJE Pontevedra, nais. En AJE Pontevedra atopan o asesoramento e ferramentas que precisan para dar os primeiros pasos. A entidade non deixa de actualizarse para ofrecer unha orientación o máis profesionalizada e acorde ás necesidades dos novos empresarios. Proxectos como Conforocio naceron aquí, unha empresa de lecer infantil que despois de dous anos de andaina está a piques de abandonar o espazo emprendedor que lle ofrece AJE Pontevedra para comezar en solitario. Conta hoxe con máis de sesenta traballadores en colexios de toda Galicia. Á cabeza, unha muller. Proximamente quedarán libres dous espazos para albergar empresa, polo que os interesados poden poñerse en contacto con AJE e presentar os seus proxectos. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/15/ajepontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/15/AJE_PONTEVEDRA.mp4{/flowplayer}