A Festa da Ameixa de Campelo cumpre 30 anos

POIO> Campelo volve estar de festa esta fin de semana. A parroquia acolle a súa Festa da Ameixa, que este ano cumpre tres décadas de historia. A organización agarda superar os 560 quilos de ameixa vendida o ano pasado. Sempre presumindo, ademais, de produto da ría e mercado na lonxa de Campelo. A ameixa será o produto protagonista esta fin de semana en Campelo. A parroquia celebra a súa festa dedicada a exaltación deste molusco, que será o ingrediente estrela de todos os pratos que se vendan na carpa gastronómica da praza de A Granxa. Sempre a prezos populares. O ano pasado, vendéronse 560 quilos de ameixa. A organización agarda superar esta cifra, grazas en gran medida ás melloras que se incluíron, por exemplo, no dispositivo de tráfico que xa se puxo en marcha durante o Festival da Ameixa a fin de semana pasada: habilitar mil prazas de aparcadoiro e prohibir o paso dos vehículos no entorno da praza. Precisamente a calidade do produto que sirven é o seu principal reclamo. A ameixa é da ría de Pontevedra, mercada na lonxa de Campelo. Produto de proximidade 100%. A cita gastronómica será o sábado e o domingo, pero a festa xa arrinca o venres. Farao cunha homenaxe aos mariscadores recentemente xubilados, e coa inauguración dunha exposición fotográfica. Para conmemorar estes 30 anos de festa, o concello de Poio preparou camisetas especiais que se repartirán entre as 50 primeiras comandas que se merquen na carpa o sábado e o domingo. O sábado pola noite unha tirada de fogos de artificio dende o peirao de Campelo celebrarán estas tres décadas de historia.