Pescamar faise cunha das máis esixentes certificacións de calidade alimentaria

POIO> A conserveira Pescamar acaba de consegui-la certificación AENOR IFS Superior. Esta acreditación recoñece a calidade do traballo da empresa de Poio, facilitando as exportacións do seu produto ó mercado internacional.

Con 50 anos de historia ás súas costas e un volume de negocio de máis de 55 millóns de euros, Pescamar acaba de superar un reto: a conserveira foi recoñecida cunha das meirandes certificacións de calidade alimentaria: o AENOR IFS de nivel superior. O recoñecemento mesmo sorprendeu ós responsables da empresa, xa que eles agardaban ser recoñecidos cunha certificación menos ampla.

Superado o 97,65% dos estándares de calidade, e co certificado xa no seu haber, a conserveira conta con abri-las súas exportacións a novos mercados internacionais. E é que ademais de recoñece-lo traballo ben feito, estes recoñecementos son a base para ter presenza en moitos países.

Para supera-la auditoria, nos últimos 2 anos Pescamar esforzouse en adapta-lo seu sistema de traballo ós requisitos de AENOR. Con todo, segundo recoñecen os responsables da conserveira, o máis difícil foi conseguir plasmar sobre o papel o seu bo facer, avalado con 5 décadas de traxectoria.