A Garda Civil desenvolve un operativo especial nos arredores da vivenda de Diana Quer

    POBRA> A desaparición na Pobra da madrileña Diana Quer, de 18 anos, continúa sendo un misterio; e sobre os avances na investigación hai un hermetismo absoluto. Este xoves comezaba o operativo especial da garda civil nos arredores da vivenda de Cabío-O Xobre, onde a familia, aínda que máis abatida ca en días anteriores, mantén a esperanza de recuperar á súa filla. A piques de cumprirse xa catro días desde que se perdeu a pista de Diana, cando regresaba á casa tras pasar a noite coas amigas na Festa do Carme dos Pincheiros, a investigación continúa o seu curso sen desbotar ningunha das posibilidades. UN operativo que busca desbotar a posibilidade de atopar á rapaza no entorno da súa casa. Pero tampouco se descarta que xa poida estar lonxe de aquí. Para non contaminar os posibles escenarios da desaparición, Protección Civil interrompeu a súa busca a pe, aínda que continuará colaborando na medida en que se precise. A media mañá varios axentes da garda civil entraron na casa familiar na procura dalgunha prenda de Diana que facilitara o traballo destes cans. Unha casa, a de veraneo da familia de Diana, na que pai, nai e a irmá pequena da moza, agardan novas sobre o seu paradoiro. Esta mañá a expectación arredor da vivenda non fixo máis que aumentar. E precisamente iso é o que buscan os familiares. Aínda que visiblemente máis desanimado ca onte, o pai da moza desaparecida, insistiu hoxe en que para eles é importante que esta historia non se esqueza. Juan Carlos Quer quixo aproveitar as cámaras, ademais de para pedir calquera tipo de colaboración cidadá, para enviar unha mensaxe aos dirixentes políticos. Convencidos de que Diana está retida en contra da súa vontade, agradecen a implicación dos medios, de veciños e dos traballadores na investigación. Son moitos os rumores que circulan, e as pistas que chegan desde diversos puntos, pero co paso dos días, e sen indicios definitorios, os folgos comezan a fraquear. Aínda así, a familia non perde a esperanza de que Diana volva á súa casa. Mentres tanto, na rede numerosas mostras de apoio acompañan á familia, mesmo de personalidades públicas do ámbito do deporte e da televisión a nivel nacional. Tamén se fixo pública unha emotiva carta que Valeria, a irmá de Diana de 16 anos, colgou na páxina de facebook “que se creou para axudar a difundir a noticia. Nela explica polo calvario que está a pasar e que necesita que a súa irmá maior volva xa ao seu carón.