Rianxo acollerá unha proba do Open de Andainas de Media Distancia

    RIANXO> A cita, organizada polo Club de Montaña do Barbanza Vintedouspés, terá lugar o domingo primeiro de outubro. Os afeccionados ó mundo do sendeirismo terán unha cita o próximo domingo 1 de outubro en Rianxo. Organizada polo Club de Montaña do Barbanza Vintedouspés desenvolverase unha camiñada de 25 quilómetros de percorrido. A proba, incluída no cuarto open de andainas de media distancia da Federación Galega de Montañismo, partirá ás nove da mañá dende a zona de Campo Maneiro. Tamén haberá un percorrido alternativo de quince quilómetros para aqueles participantes que non desexen realizar a proba completa. Dende o Concello, que colabora co Club na organización da andaia, animaron a participar nesta proba que discorrerá por espazos de gran beleza paisaxística como poden ser a Muralla, ou o mirador de castro Barbudo. As persoas interesadas en asistir poderán inscribirse ou obter máis información na dirección andaina25barbanza.blogspot.com ou no teléfono 609 071 273.