O exceso de auga doce provoca unha elevada mortandade do marisco en Rianxo

RIANXO> Os temporais dos últimos días están a provocar unha elevada mortandade de marisco na maior parte das praias da ría de Arousa debido ó exceso de auga doce. Unha das zonas máis afectadas é Rianxo. Esta mañá mariscadores de pé trataban de recuperar do areal de Tanxil o máximo de marisco posible para poder sementalo noutras concesións e evitar así a norte.

Desesperados e impotentes, así se sinten os mariscadores de Rianxo ó ver como se atoparon estes días os seus areais por mor do mal tempo e a chuvia. O exceso de auga doce, coa conseguinte baixada da salinidade, está a provocar unha masiva mortandade do marisco.

Os produtores intentaban esta mañá recuperar a maior cantidade de marisco da praia posible para poder sementalo noutras zonas.

E a situación non parece ter visos de mellora nos próximos días, xa que as previsións apuntan a un empeoramento da climatoloxía.

A situación supón un novo varapau para un sector que xa non estaba pasando polo seu mellor momento, cunha escaseza de capturas e unha baixada da demanda a consecuencia da covid.