O pregón de José Ortoño dá inicio á Semana Santa de Porto do Son

PORTO DO SON> Coa lectura do pregón, na capela da Atalaia, a cargo este ano do cura-párroco de Noia, José Ortoño, dábase inicio á programación de Semana Santa en Porto do Son deseñada como é habitual pola Confraría da Paixón do Noso Señor, en colaboración co Concello.

Os actos relixiosos darán comezo o venres 11 coa misa solemne ás 8 da tarde na igrexa parroquial na honra á Virxe das Dores e en memoria dos confrades falecidos. Aínda que este este ano non sairá procesión.

Seguiranlle o domingo 13 a bendición de Ramos ás once da mañá na praza de España. O Martes Santo, o día 15, co tradicional  Via Crucis ás dez da noite dende a capela da Atalaia e as xornadas do Xoves e Venres Santo.

As actividades da Semana Santa sonense terán o seu broche final o Domingo de Resurrección, o día 20, coa procesión de Xesús Glorioso e o Encontro de Resurrección dende a Atalaia ata a igrexa parroquial, onde se oficiará a misa.

Dende o Concello, que colabora coa Confraría da Paixón do Noso Señor na organización dos actos, destacaron o traballo da entidade, que co seu esforzo e devoción, fan posible poder manter viva a chama da Semana Santa sonense.