O concello de Poio presenta a súa ampla oferta deportiva para este curso escolar

Pontevedra> O concello de Poio presentou esta mañá o amplo abano de actividades deportivas que se presentan para este novo curso 2017-2018. A concelleira de Deportes e o alcalde deste municipio lembraron que ao longo deste mes está aberto o prazo de inscrición. A billarda e o pádel son algunhas das novidades deportivas deste ano. O concello de Poio xa ten todo listo para comezar as actividades deportivas neste curso. Neste mes de setembro os veciños terán a posibilidade de inscribirse no que desexen e será en outubro cando boten a andar todas estas actividades. A concelleira de Deportes anunciou que no pasado ano foron 729 as persoas que desfrutaron destas actividades deportivas, a que máis éxito tivo foi o fútbol, seguido do fútbol sala, de patinaxe, e de ximnasia rítmica. Neste curso o obxectivo é seguir traballando nas actividades asentadas e apostar tamén por novas modalidades. Dende o concello de Poio amosaron o seu orgullo en relación as escolas deportivas coas que contan na actualidade. Un proceso apoiado polo concello pero do que son protagonistas os veciños. O prezo para inscribirse nas actividades mantense dende o ano 2012 e vai dende os 6 euros na modalidade deportiva por alumno ao mes aos 18 da escola deportiva. Prezos máis que asumibles para que as familias poidan desfrutar do deporte no concello.