CIG-Saúde mobilízase en contra do sistema XIDE de xestión de citas en Primaria

RIBEIRA> O Barbanza sumouse ás mobilizacións convocadas por CIG-Saúde en contra da implantación do programa XIDE. O centro de saúde de Ribeira acolleu a concentración principal da comarca para esixir a retirada dun sistema que retarda a atención primaria.

A implantación do programa XIDE para a xestión de citas nos centros de atención primaria hai algo menos dun ano supón, segundo denuncia, a CIG un atranco máis ó xa de por si deficitario sistema sanitario en Galicia.

Repercute especialmente nos traballadores, principalmente no Persoal de Servizos Xerais, chegando a poñer en risco a súa seguridade xurídica. Pero tamén sobre os pacientes, non só no que respecta á vulneración da súa intimidade senón implicando tamén un maior retraso nos tempos de atención.

En febreiro, a CIG denunciou a  situación ante o comité interterritorial solicitando unha reunión coa xerencia para analizar os fallos do sistema. Lonxe de escoitalos, din, acabaron por impoñer o sistema sen ter reforzado o persoal para garantir un correcto funcionamento.