O restaurante ‘Estrella del Mar’ queda reducido a cinza

BOIRO> Unha chamada dun particular ó 112, ó observar que saía fume do establecemento, situado en Praia Xardín, fixo saltar tódalas alarmas. Eran preto das cinco da mañá.

Rapidamente se desprazaron ata o lugar os equipos de emerxencia de garda, primeiro do propio parque de bombeiros comarcal de Boiro, pero tamén do parque de Ribeira, Protección Civil e tamén Policía Local.

Por fortuna non houbo que lamentar danos persoais, xa que o restaurante estaba pechado á hora na que se orixinou o incendio, aínda que as instalacións, de madeira, quedaron totalmente calcinadas.

No lugar, o propietario do establecemento, mostrábase visiblemente afectado. Rexentaba o local dende o ano 2013

Esta mañá, os equipos de emerxencias seguían traballando na zona, tratando de dar por controlado o incendio e arrefriando os puntos que concentraban maior temperatura, de onde aínda seguía saíndo fume.

Ata o lugar desprazábase esta mañá tamén un equipo da policía científica da Garda Civil. Sobre o terreo intentaban recoller mostras coas que poder esclarecer a posible orixe do lume.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí