O PP defende os beneficios da reforma da Lei de Saúde para o Barbanza

    RIBEIRA> O deputado autonómico, Aurelio Núñez, desprazouse ata Ribeira para aclarar varios puntos sobre o anteproxecto de reforma da lei de saúde na que traballa o goberno autonómico. Segundo o parlamentario popular, o Barbanza verase amplamente beneficiado por esta reforma posto que converterase en distrito garantindo a continuidade do hospital comarcal. Ante a polémica xerada polo borrador do anteproxecto de modificación da lei de saúde de 2008, o PP viuse obrigado a aclarar as vantaxes que levará aparellada esta reforma. No que respecta ó Barbanza, a principal será a creación da figura do distrito sanitario. Haberá catorce integrados nas sete áreas sanitarias que xa existían ata o de agora. Entre os avances presentados polo deputado popular destaca tamén a creación dos itinerarios entre categorías, que outorgarán maior versatilidade ós profesionais sanitarios e abrirase a participación nos consellos de saúde ás asociacións de pacientes. Crearase ademais unha comisión interdepartamental entre as Consellerías de Sanidade e Educación. Os populares defenden a total transparencia na tramitación do borrador, en fase de estudo das numerosas alegacións presentadas durante o período de exposición pública.