INLAC aconsella consumir, aos peques da casa, 3 produtos lácteos ao día

Pontevedra> E nesta xornada tamén se conmemora o día mundial dos lácteos na escola. Para festexar este día a conselleira de Medio Rural visitou o colexio Froebel. Alí se repartiron numerosos produtos vencellados con este sector. E é que tal e como din dende a Organización Interprofesional Láctea, os cativos deben consumir unha media de 3 produtos lácteos ao día. Neste día Mundial dos Lácteos na Escola a Conselleira de Medio Rural fixo unha parada no colexio Froebel da cidade de Pontevedra. Alí Ángeles Vázquez anunciou que Galicia é unha comunidade principalmente exportadora de lácteos xa que aquí soamente se consume o 18 por cento dos mesmos. Polo que anunciou que as xornadas que organizan dende o Froebel, co reparto de lácteos aos seus estudantes, son fundamentais a día de hoxe. Os pequenos estiveron encantados con esta iniciativa, onde puideron escoller entre diversos produtos vencellados co sector lácteo, produtos saudables e necesarios para o día a día dos máis pequenos. Dende a consellería anunciaron que a redución do consumo de leite en Galicia sitúase nun 30 por cento, por esta razón insiste na necesidade de potenciar o consumo de produtos lácteos nos máis pequenos. Unha xornada diferente a que se viviu no Froebel onde ademais de consumo de produto lácteo o avó dun dos alumnos contou as súas experiencias que moitos anos antes viviu nese mesmo edificio cando era un cativo como o público que hoxe lle prestaba moita atención.