Os profesionais auguran unha mala campaña do Libre Marisqueo

    RIANXO> Os mariscadores arousán afrontan con recelo o inicio da campaña de libre marisqueo, previsto para o próximo luns. As mostraxes revelan a presenza de pouco marisco de talla comercial. Pouco futuro auguran os profesionais á campaña de libre marisqueo que arranca este luns. Ante as malas perspectivas, as confrarías levan anos reclamando a toma de medidas para recuperar a produtividade destas zonas. Apelan á colaboración coa Consellería do Mar para rexenerar os bancos de Cabío e o Bohído co movemento de áridos así como a recuperación dos canais de navegación nos Lombos do Ulla. demandan tamén unha rebaixa dos topes, establecidos en quince quilos de berberecho, cinco de ameixa babosa, cinco de xapónica e dous de fina, para tentar prolongar a campaña.Fronte a estas propostas está o Plan Conxunto que propón Mar para que as confrarías xestiones conxuntamente o Libre Marisqueo. A maioría dos pósitos considérano inviable polo que apelan á administración a asumir a xestión. Capítulo aparte merece a cuestión da vixilancia que está a ser asumida polas confrarías. Solicitan que a Xunta se implique tamén nestas tarefas coa presenza de Gardacostas nos puntos de control.