A Xunta comprométese a colaborar no financiamento das prazas do centro de día de Rianxo

RIANXO> A Xunta e o concello de Rianxo avanzan no diálogo para dotar dun centro de día á localidade. Nunha recente xuntanza co alcalde, o Conselleiro de Política Social comprometeuse a colaborar no cofinanciamento de prazas aínda que a construción do centro terá que ser asumida polo concello e a Deputación.A reunión mantida a pasada tarde entre o Conselleiro de Política Social e o alcalde de Rianxo supoón un novo paso no longo camiño para a consecución dun centro de día para a localidade. José Manuel Rey expresou o compromiso da Xunta de colaborar no cofinanciamento de prazas públicas. Aínda así, dende a Consellería lembran que a dotación deste tipo de recursos responden a unha estratexia de planificación supramunicipal posto que pretenden dar cobertura non a un só concello senón a unha área xeográfica máis ampla. Por esta razón, a construción do centro deberá ser asumida con fondos da Deputación, que xa se comprometeu a financiar o cincuenta por cento da obra, e do propio concello. O concello baralla xa diversas fórmulas para a posta en marcha do centro de día ó tempo que se concretan os terreos nos que podería emprazarse, probablemente nunha parcela a carón do instituto, en Rianxiño. O alcalde, e os voceiros da corporación que tamén asistiron á xuntanza, aproveitaron tamén para solicitar a asignación de fondos que permita dar cobertura ó aumento da demanda do servizo de axuda a domicilio. Tamén se solicitou a colaboración da Consellería para a construción dun ascensor no centro sociocomunitario que se emprazará no antigo liceo de Rianxo.