VILAGARCÍA> Esta mañá presentouse ante a prensa, e tamén ante a Xunta de Persoal, o novo Xerente Executivo do Hospital do Salnés. A presentación oficial faise xusto un día antes de que se celebre a manifestación comarcal contra a nova Lei de Saúde pública, que converte este centro hospitalario nun distrito pertencente á área de Pontevedra. Desde o Sergas aseguraron esta mañá, que a Lei beneficia tanto a pacientes como a profesionais. O doutor Antonio Vicente Martínez Calvo, con experiencia en xestión no Sergas tanto na Coruña como en Cee, chega á xerencia do Hospital comarcal do Salnés nun momento convulso. Esta mañá foi a súa presentación oficial, tanto ante a prensa, como ante a xunta de persoal, coa que se reuniu á unha do mediodía, xusto un día antes da manifestación convocada en Vilagarcía contra a nova Lei de Saúde Pública. Martínez Calvo asegura que chega coa intención de potenciar o Salnés e cunha actitude de colaboración total tanto con pacientes como cos profesionais do centro. O flamente xerente estivo acompañado na súa presentación polo Xerente da Área Sanitaria do Salnés, Xosé Ramón Gómez destacou ante a actual crise pola reforma da Lei de Saúde, que convertirá o Salnés nun distrito da área de Pontevedra, que moitas das críticas ó anteproxecto non están contrastadas nin argumentadas. E afirma que a nova lei integra os recursos dos dous centros hospitalarios. E subliñou tamén que este novo modelo beneficiará tanto ós pacientes como ós profesionais dos centros. E no caso do persoal do Hospital, segundo o xerente, facilita o acompañamento do paciente indepentemente do centro no que teña que facer cada proba, garantindo a seguridade do mesmo. Os representantes do Sergas quixeron destacar tamén que a Xunta leva investidos 8 millóns de euros no Hospital do Salnés, algo que está lonxe do que algúns están a chamar o “desmantelamento” deste centro
Inicio Salnés - Caldas