Preto de 50 Confrarías Gastronómicas participarán no I Encontro en Cambados

    CAMBADOS> Cambados continúa exprimindo a súa condición como Cidade Europea do Viño 2017. A fin de semana do 14 de outubro, a vila acollerá dúas das grandes citas do seu programa conmemorativo: O encontro de confrarías enogastronómicas e a Festa da Vendima. Dúas citas que este ano celebran a súa primeira edición, e coas que o goberno local agarda situar a Cambados a nivel internacional. Tras meses de intensa actividade, Cambados como Cidade Europea do Viño terá a fin de semana do 14 de outubro outras das dúas grandes citas pendentes: o Encontro de Confrarías Enogastronómicas e a Festa da Vendima. Eventos que se estrean este ano. No marco do Encontro, a vila agarda recibir a preto de 50 confrarías gastronómicas de diferentes países europeos. Unha afluenza de visitantes que vai ter unha importante repercusión na economía local. Moitos dos confrares chegarán xa a noite do venres 13, pero o groso da programación desenvolverase durante o sábado. Unha visita guiada polo casco histórico, outra en barco pola Ría de Arousa, e un desfile polas rúas de cambados, celebraranse durante o día. Pola noite, todos acoderán á Festa da Vendima, que acollerá a Praza de Fefiñáns. Segundo explican dende o concello, aínda quedan por diante máis de 20 actividades para executar das que se recollían no programa da Cidade Europea do Viño.