Pepe Domingo Castaño xa é Fillo Predilecto de Dodro

DODRO> Aínda que é sobradamente coñecido por todos a súa ‘padronía’, que leva con orgullo por onde queira que vaia, o que moitos non saben é que o lugar no que Pepe Domingo Castaño viu por primeira vez a luz, un 8 de outubro de 1942, foi en Dodro, concretamente na aldea de Lestrove.

Esta circunstancia foi, xunto coa súa implicación coa comarca do Sar, unha das razóns que levou ó equipo de goberno liderado polo socialista Xavier Castro a presentar unha proposta para nomear ó afamado locutor radiofónico coma ‘Fillo Predilecto’ do municipio.

O acordo foi unánime, e os catro grupos políticos que compoñen actualmente a corporacón municipal votaron a favor da proposta.

Este mediodía, coincidindo co último día das Festas dos Aflixidos materializouse este recoñecemento, nun acto que tiña lugar no pazo de Lestrove, e que contou coa presenza, entre outras autoridades, ademais do propio homenaxeado, co presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Dáse a circunstancia que a de hoxe é a primeira vez na historia deste Concello que alguén recibe a distinción de ‘Fillo Predilecto’, un privilexio ó alcance, polo que se ve, de moi poucos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí