Dezasete perceptores da RISGA accederán a un posto de traballo no Barbanza

    BARBANZA> A Consellería de Emprego facilita a inserción laboral de perceptores da Xunta a través de axudas ós concellos. No Barbanza promoverase a contratación de dezasete desempregados cun investimento total de centro trinta e oito mil euros. Dezasete veciños do Barbanza beneficiaranse do programa de contratación da Xunta para perceptores da RISGA. Esta iniciativa, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, busca favorecer a inserción laboral destas persoas en risco de exclusión social. Na comarca investiranse cento trinta e oito mil euros para financiar os custos salariais e a cotización á seguridade social. Os concellos beneficiados son Boiro e Ribeira, con cinco prazas cada un para peón de obra. Muros, Noia e Rianxo poderán empregar a dous traballadores por concello e Lousame conta cunha praza. Os interesados en acollerse a este programa deben ser perceptores da RISGA e estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados. Terán preferencia aqueles que teñan asinado un proxecto de inserción de carácter laboral, conten con cargas familiares ou sexan maiores de corenta e cinco anos. As condicións do contrato serán as establecidas no convenio laboral do sectro.