A ANPA do Santa Baia agardará a que a Xunta responda ó requirimento da Valedora do Pobo

    BOIRO> A ANPA do CEIP Santa Baia agarda que a Xunta responda ó requirimento da Valedora do Pobo para a substitución dos libros de texto. De non obter unha resposta positiva non descartan iniciar novas mobilizacións. A Valedora do Pobo remitía con data de dous de outubro unha carta á Consellería de Educación apoiando a reclamación da ANPA para a substitución dos libros de terceiro e quinto de primaria. Dende entón, a Xunta dispón dun prazo de quince días para respostar. Prazo que os pais decidiron respectar, na asemblea celebrada a pasada tarde, agardando que a administración dea marcha atrás na súa negativa ó cambio dos libros. Entre esas medidas non descartan novas mobilizacións, como as protagonizadas hai dúas semanas, para reivindicar que os alumnos poidan cursar os seus estudos en igualdade de condicións, con material actualizado e en bo estado para o seu uso. No caso de que a administración non dea marcha atrás, esta situación prolongaríase ata o ano 2020 posto que as convocatorias oficiais publícanse cada seis anos. Na última, de 2014, o Santa Baia non cursou a solicitude ante a inminente aplicación da LOMCE posto que aínda non estaban publicados os novos contidos curriculares.