BARBANZA> O programa ‘MercaNavila’ que vén de poñer en marcha a Deputación da Coruña busca apoiar ó comercio de proximidade naqueles concellos da provincia de menos de vinte mil habitantes e enmárcase de cheo nas políticas impulsadas dende o goberno provincial de cara a mellorar a economía, o emprego e a fixación da pobación no rural. Fomentando ademais a un sector, como o comercio, especialmente castigado nestes últimos anos.
‘MercaNaVila’ está dotado cun orzamento duns seis millóns de euros, unha cantidade o suficientemente importante, que o converten nun dos maiores programas de impulso ó consumo de proximidade activado nos últimos anos en Galicia.
Na presentación deste ambicioso programa, contouse ademais co participación do presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, entidade que colabora coa Deputación no desenvolvemento da iniciativa.
Na súa intervención destacou o esforzo inversor do organismo provincial no impulso desta proposta coa que se pretende a dinamización da actividade comercial nas pequenas vilas da provincia.
Os comercios interesados en participar no programa ‘MercaNaVila’ terán de prazo ata o vindeiro 20 de outubro para inscribirse. Poderán facelo a través da plataforma www.mercanavila.es.
Unha vez rematado o prazo de adhesión, a veciñanza que o desexe poderá descargar nos seus teléfonos móbiles os seus bonos desconto.
Serán un máximo de 100 euros por persoa, que poderán aplicar descontos automáticos de entre 5 e 15 euros en función do importe de cada compra, sempre que se realicen nos establecementos adheridos ó programa.
Os descontos estarán dispoñibles ata o 20 de novembro ou ben ata que se esgote o orzamento dispoñible.











