NOIA> Os mariscadores de Noia afrontan a segunda semana sen actividade con pesimismo. Á vista das últimas análises semella que o peche vai para longo dado que os niveis de toxina continúan aínda moi elevados. Cando se decretou o peche das concesións marisqueiras de Noia, na confraría xa se temían que iría para longo. A piques de cumprirse a segunda semana sen actividade, semella que a reapertura está aínda lonxe, en vista dos resultados das últimas mostraxes que revelan unha alta concentración de toxina. O tempo, sen chuvia e con altas temperaturas, tampouco axuda. Dada a alta incidencia da marea vermella nos últimos anos, o pósito noiés estuda medidas para detectala canto antes e evitar que se chegue a extraer marisco non apto para a venda. A este respecto, veñen de manter unha xuntanza con responsables do Intecmar para incrementar as mostraxes e axilizar os resultados, en colaboración coa empresa privada que a confraría ten contratada. Tamén valoran un cambio nos horarios de traballo dos mariscadores a flote. A pesar do desánimo, na confraría non permanecen inactivos e aproveitan este parón para a retirada de depredadores que nas últimas semanas están a proliferar nas concesións noiesas.
Inicio Barbanza - Muros - Noia