O executivo muradán apuntala o edificio do Cine París

MUROS> Con esta actuación pretende evitar a súa caída debido ó seu avanzado estado de deterioro. Trátase dun dos edificios máis emblemáticos do Concello. Dende hai anos vén padecendo un imparable deterioro que, nas últimas semanas foi en aumento, debido ó derrubamento de parte da súa cuberta. Ante o perigo a que as caídas vaian a máis, e tamén como medida de seguridade pública de cara ás persoas que poidan transitar pola zona, o executivo procedeu ó seu apuntalamento. Esta actuación é un pequeno parche. Aínda así o Concello non descarta iniciar con urxencia a súa rehabilitación. Para iso volverá a iniciar unha rolda de contactos coas distintas administracións de cara a buscar o financiamento necesario para poder levala a cabo, xa que o proxecto sería inasumible unicamente con fondos propios.