O Arousa lévase ó derbi ante o Boiro

    BOIRO> Os vilagarciáns impúñanse ó Boiro en Barraña por cero goles a dous. Os tantos dos de Jorge Otero foron obra de Yerai e Javi Pazos. Cunha ampla presenza de afeccionados nas bancadas do municipal de Barraña, onte domingo disputouse o derbi comarcal entre o Boiro e o Arousa, que rematou co resultado final de cero a dous. Aínda así, e a pesar da diferenza no marcador, resultou un partido vibrante, no que os boirenses non foron inferiores ó seu rival. No inicio os de Jorge Otero sairon máis enchufados ó partido, levando o dominio no xogo. Foi nestes primeiros minutos de xogo cando se producía ademais a nota tráxica, coa lesión de Taboada, despois de recibir un testarazo de Sidibé na disputa dun balón aéreo. O xogador boirense tivo que abandonar o partido e foi trasladado a un centro hospitalario onde en observacións pasou a noite, aínda que á mañá xa foi dado de alta. O lance obrigou a suspender o choque uns minutos. O parón favoreceu ó Boiro que a partir de aí iniciou o seu dominio. A pouco para o remate da primeira parte producíase tamén unha das xogadas claves, que puido cambiar o signo do partido. O brasileiro Igor caía dentro da área tras un choque, aínda que o colexiado non interpretou nada. A xogada foi moi protestada polos locais e tamén na bancada. Eran os mellores momentos do Boiro. Co resultado de cero a cero chegaríase ó descanso. Xa na segunda parte máis do mesmo. Os dous equipos intentaban facerse co dominio do xogo pero sen apenas perigo na área rival. A falta de quince minutos para o final do partido, o Arousa conseguiría adiantarse. Unha xogada por banda de Suso, Javi Pazos e Yerai, acabou co balón nos pés deste último que de tiro cruzado enviaba o balón ó fondo das mallas. Era o cero a un. O tanto deixou noqueado ó Boiro que tres minutos máis tarde vería de novo perforada a súa portería. Esta vez Javi Pazos, que recibía só no segundo pau, enviaba o balón a dentro da portería. Sen tempo para a recuperación, o Boiro vía como se lle escapaba o partido. Os tres puntos sitúan ó Arousa na novena praza con catorce puntos, os mesmos que ten o Boiro, que agora se ve superado polos vilagarciáns na clasificación. Na próxima xornada, o Arousa recibirá na Lomba ó Barbadás, mentres que o Boiro enfrontarase ó Alondras.