BOIRO> Dezaseis mozos do Barbanza formaranse ó longo dos próximos doce meses no ámbito da xardinería no marco do obradoiro Talento Mozo que promoven conxuntamente os concellos da Pobra, Boiro e Rianxo co financiamento da Xunta de Galicia.
Esta mañá arrancaba oficialmente unha nova edición do obradoiro de emprego Talento Mozo que se desenvolverá nas instalacións do centro de formación de Espiñeira ó longo dos próximos doce meses. 16 mozos dos concellos da Pobra, Boiro e Rianxo recibirán formación en mantemento zonas verdes, parques e xardíns a través de sesións teóricas e traballos sobre o terreo que contribuirán tamén a embelecer os concellos.
A Xunta destina preto de medio millón de euros ó financiamento desta acción formativa que busca a capacitación de mozos menores de 30 anos para favorecer o seu acceso ó mercado laboral.











