A POBRA> O concello da Pobra convoca a novena edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. Mantense a dotación económica de tres mil euros para o gañador xunto coa publicación da novela na colección Árbore de Editorial Galaxia.
O certame de Literatura Infantil Carlos Mosteiro chega á súa novena edición convertido xa nunha cita obrigada do calendario cultural pobrense e un referente no ámbito literario galego.
O premio, promovido polo concello da Pobra, conta coa colaboración da asociación cultural Barbantia e da Editoral Galaxia, responsable da publicación da obra gañadora.
O obxectivo deste certame é manter viva a memoria do escritor Carlos Mosteiro, moi vinculado ó mundo cultural barbanzán, ó tempo que se achega a literatura ás novas xeracións co reparto de exemplares da novela nos centros educativos.
Os interesados en concorrer a este premio xa poden consultar as bases da convocatoria na web municipal.











