A CIG denuncia os incrumprimentos de Monbus cos traballadores do servizo de transporte escolar

RIBEIRA> O curso escolar arrancou no Barbanza con incidencias diarias no servizo de transporte. A razón, segundo denunciaba esta mañá a CIG, é a deficiente xestión da empresa concesionaria que non está a cumprir coas condicións do contrato. Nin sequera procedeu á subrogación dos traballadores da anterior empresa.

Tras máis de dúas décadas nas que a empresa Ferrín realizou o transporte escolar no Barbanza, este ano foi adxudicado a Monbus que asumiu o servizo nos concellos da Pobra e Ribeira. Un servizo que, dende o primeiro día do curso, non deixou de rexistrar incidencias.

Os máis de 25 traballadores afectados denuncian que a empresa non procedeu á súa subrogación, tal e como establece o contrato. Isto provoca retrasos nas rutas posto que algúns condutores descoñecen aínda os itinerarios e paradas ou mesmo que algún autocares viaxen sen servizo de acompañamento. 

Ante esta situación, dende a CIG xa solicitaron unha xuntanza cos concellos de Ribeira e da Pobra para trasladarlle esta situación da que as administracións xa teñen constancia por parte das propias ANPAS.  Dirixiranse tamén ante a Xunta de Galicia para que adopte as accións pertinentes requirindo á empresa que cumpra co establecido no contrato de adxudicación. De non ser así, recorrerán ás mobilizacións e á vía xudicial para que se garantan os dereitos dos traballadores e un servizo axeitado para os estudantes.