O concello de Ribeira adxudica o parque infantil do Centenario

RIBEIRA> O concello de Ribeira vén de adxudicar catro contratos por valor de 300 mil euros. Un dos máis importantes será a instalación do parque infantil do Centenario ás que se suman outras obras de saneamento e servizos.

A construción do parque infantil do Centenario vén de ser adxudicada á empresa Juegos Kompan que acometerá este infraestrutura nun prazo de catro meses dende o inicio dos traballos. O proxecto suporá un investimento de 160 mil euros.

Non é a única obra que vén de adxudicar o concello de Ribeira neste mes de setembro no que se procederá tamén á renovación de pluviais nunha vía do polígono de Xarás por preto de 80 mil euros así como a mellora do firme dun camiño nas Laxes en Castiñeiras por algo máis de 60 mil euros.

Ademais destas infraestruturas, o concello adxudicou o contrato privado de seguros da flota de vehículos e maquinaria municipal por 12 mil euros a Axa Seguros.