GALICIA> A crítica situación que se está a vivir en Galicia trouxo esta mañá ata a comunidade ao presidente do goberno. Mariano Rajoy visitou diferentes puntos da provincia de Pontevedra, entre eles o concello de Vigo e o posto de mando avanzado instalado en Pazos de Borbén. Rajoy estivo acompañado polo presidente autonómico, que a primeira hora celebraba un consello da xunta extraordinario para condenar a vaga de lumes e recordar os catro falecidos. Tamén para decretar tres días de loito oficial en Galicia. O presidente do goberno desprazouse esta mañá a algunhas das zonas máis afectadas pola vaga de lumes que asolaga a comunidade. Tras participar nunha concentración en Vigo en memoria dos catro falecidos, Rajoy visitou o posto de mando avanzado en Pazos de Borbén. No encontro mantido co presidente da Xunta e os mandos dos corpos de seguridade do Estado, Mariano Rajoy amosouse disposto a facilitar toda a axude que se precise dende a Xunta. Anunciou que 700 membros da Unidade Militar de Emerxencias se trasladaron ata Galicia, con máis de 10 medios aéreos que traballan na extinción dos lumes. Antes de reunirse co presidente do goberno, o rexedor autonómico celebrou unha reunión extraordinaria do Consello da Xunta. Alberto Núñez Feijóo analizou co seu equipo a situación polos lumes e recordou aos catro falecidos nos incendios. Tamén anunciou o decreto de tres días de loito oficial. No seu discurso, Núñez Feijóo agradeceu o traballo dos equipos de extinción, e destacou a solidariedade dos veciños que sairon á rúa para colaborar na loita contra as lapas. Tamén apuntou que nunca houbo tantos medios para a extinción dos lumes como neste mes de outubro, e agradeceu a colaboración que está a chegar dende o Estado e outras Comunidades Autónomas.
Inicio Galicia