Galicia situase como segunda comunidade de España en produción apícola

GALICIA> Galicia conta con 3.738 explotacións apícolas e que é a segunda comunidade autónoma española en número de produtores, despois de Castela e León e á par de Andalucía. Segundo explicou a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa,, en Galicia a media de colmeas por explotación é de 28, a produción anual de mel supera as 1.200 toneladas e a de cera é de preto de 60 toneladas. Neste sentido destacou que a Comunidade galega reúne unhas condicións xeo-climáticas axeitadas para facilitar o desenvolvemento e mellora deste sector, debido á abundancia de flora melífera e á existencia da abella ibérica, unha subespecie de gran vigor. A directora xeral subliñou que o sector apícola posúe un dos mellores modelos de produción sostible, supoñendo un beneficio nos eidos social, económico e ambiental, xa que contribúe á fixación da poboación no medio rural e ademais é unha produción totalmente respectuosa co medio. Por outra banda, Patricia Ulloa lembrou que, unha vez entre en vigor o futuro decreto que regula a venda directa dunha serie de produtos primarios desde as explotacións ao consumidor final, poderán venderse directamente o mel, o pole, os propóleos e a xelea real producidos na explotación do vendedor. Neste sentido, sinalou que o decreto está na última fase de tramitación e, neste caso, o obxectivo é pór en valor un produto de calidade como é o mel.