RIANXO> A colaboración entre a Garda Civil de Boiro e a Policía Local de Rianxo permitiu a detención, nesta última localidade, de dúas persoas coma presuntos autoras dun delito contra a saúde pública. Foi no marco da denominada ‘Operación Maquineiro’.
O operativo iniciado xa a primeiros de ano posibilitou desartellar un punto importante de venda e distribución de droga, que mesmo xeraba molestias e alarma social entre a veciñanza da zona.
No transcurso da operación, durante un control nun vehículo no que viaxaba o suposto subministrador, os axentes do Instituto Armado localizaron unhas tres mil doses de heroína, uns dous mil euros en moeda fraccionada e dous teléfonos móbiles.
Tamén detiveron a un colaborador mentres realizaba o subministro de diversas substancias a toxicómanos da zona, incautándolle tamén unhas dez doses de heroína, tres móbiles e un patinete eléctrico co que, ó parecer, se desprazaba.
Tras estas dúas detencións, e coa autorización do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Padrón, realizáronse tamén varios rexistros nos seus domicilios.
Na vivenda do presunto subministrador os axentes localizaron unhas 155 doses de cocaína e no do suposto colaborador atopáronse 1.170 doses de heroína, 140 de cocaína, 219 doses de polen de haxíx, 75 doses de marihuana, 12 doses de MDMA, así como tamén outros obxectos empregados para a manipulación da droga, unha pistola de fogueo e uns dez mil euros en moeda fraccionada.
As actuacións realizadas foron remitidas ó Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Padrón, que decretou o ingreso en prisión e sen fianza para un dos dous detidos.