NOIA> O anuncio realizouno esta mañá o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, durante unha visita ás instalacións. A actuación, na que prevé investirse máis dun millón de euros, permitirá mellorar a imaxe do mercado noiés, contribuindo á súa consolidación coma motor económico da vila.
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta mañá a praza de abastos acompañado do alcalde, Santiago Freire, e outros membros do equipo de goberno.
Durante a visita informou das previsións para o inicio das obras de reforma do inmoble. Unha actuación pola que se levaba xa tempo agardando, e que en principio verá xa a luz a partir de setembro, unha vez pasada a época estival.
O alcalde, destacou a importancia desta actuación, cun orzamento total que ascende a máis dun millón de euros. A Xunta asumirá o 50% do custe das obras, e a parte restante será asumida polo propio Concello.
Segundo el a mellora contribuirá a consolidar o mercado noiés como o motor do comercio local da vila e como parte do seu atractivo turístico.
A actuación permitirá darlle ó inmoble unha imaxe máis moderna, reordenando o espazo comercial e mellorando a súa accesibilidade.
A intención do Concello é que a reforma se execute por fases para interferir o menos posible na propia actividade do mercado. Iniciarase polas fachadas exteriores e pola instalación do ascensor.