Case 700 Gardas Civís participaron no dispositivo contra o lume

PONTEVEDRA> Recoñecemento aos Gardas Civís que participaron no operativo contra a vaga de lumes do pasado domingo. A subdelegada do Goberno en Pontevedra visitou esta mañá a comandancia para agradecer aos axentes o seu esforzo e dedicación nesta crise. Só o domingo mobilizáronse 680 axentes, algúns de vacacións ou de baixa, que coordinaron a evacuación de 1.700 persoas na provincia. 680 Gardas Civís participaron o pasado domingo 15 no operativo que loitou contra a vaga de lumes que afectou a provincia de Pontevedra. Moitos estaban de baixa, de vacacións ou francos de servizo, pero ao coñecer a situación incorporáronse ao traballo para enfrontarse a unha das xornadas máis difíciles da súa vida profesional. Os axentes combateron o lume e coordinaron a evacuación de 1.700 persoas en toda Pontevedra. Participaron todas as unidades: Tráfico, Seprona, servizo de desactivación de explosivos e incluso o servizo marítimo, pelexaron para cortar o avance das lapas. A estrada AG-57, a autovía das Rías Baixas co atasco no túnel da Cañiza e, sobre todo, a situación que se viviu na aldea de Chandebrito, en Nigrán, na que 16 policías quedaron cercados polas lapas, foron os momentos máis complicados desta vaga de lumes que deixou catro mortos. En canto ás causas da vaga de lumes, o responsable da Comandancia apunta que se mesturaron incendios intencionados, os causados por imprudencias e os provocados polo típico efecto espello. A Policía Xudicial mantén aberta unha investigación con varias liñas de traballo, unha delas que apunta á existencia dun posible grupo organizado en Pazos de Borbén.