A Deputación ultima un concurso de ideas internacional para rehabilitar Santa Clara

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra ultima un concurso de ideas para a rehabilitación do convento de Santa Clara. Segundo os cálculos do goberno provincial, o proceso de selección podería comezar nun prazo de quince días. O vicepresidente explicou que agardan que a convocatoria suscite un grande interese entre estudos de arquitectura de todo o mundo. Ademais, o concurso abre a posibilidade de que unha parte de Santa Clara se reserve para acoller un restaurante.

A Deputación de Pontevedra ultima o concurso de ideas do que sairá o proxecto para rehabilitar Santa Clara. Será unha convocatoria a nivel internacional que agarda atraer propostas dos mellores estudos de arquitectura do mundo.

Unha vez convocado o concurso, os candidatos terán un mes para presentar os seus portfolios. Farase un primeiro cribado con criterios técnicos, como a experiencia ou o tipo de intervencións que fixeron previamente. Aquí seleccionaranse cinco estudos.

O concurso abrirá a posibilidade de que as propostas de rehabilitación recollan reservar un espazo para eventos sociais xestionado de xeito privado como, por exemplo, un restaurante.

O proxecto que se empregará para a rehabilitación de Santa Clara será escollido por un xurado profesional entre os cinco finalistas. Xa só por pasar a primeira fase, os estudos de arquitectura recibirán 30.000 euros. O gañador será premiado con 50.000, que se deducirán dos honorarios pola dirección da obra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí