Para o PP a Xunta volve mostrar o seu máximo compromiso co Barbanza

    BARBANZA/NOIA> Os populares valoran moi positivamente os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2018 cun investimento previsto para a comarca que supera os doce millóns de euros. Máis de doce millóns de euros. Esta cantidade é a que a Xunta de Galicia prevé investir na comarca do Barbanza para o ano que vén. Uns datos que dende o Partido Popular consideran moi positivos. O deputado, Carlos López Crespo, referiuse a algunhas das partidas máis importantes. Así destacou os case 4,5 millóns de euros para a construción da EDAR de Rianxo, os 1,7 millóns de euros para a mellora dos pantaláns dos bateiros de Cabo de Cruz ou os 1,4 millóns para o desenvolvemento do borde portuario en Porto do Son. Tamén se prevén outras actuacións como son diversas melloras no saneamento de Lousame, uns 200 mil euros, o proxecto para a ordenación viaria de acceso ó porto de Ribeira, 475 mil ou a reforma integral da praza de abastos de Noia, 150 mil. Aínda así nesta última comarca, a maior parte do investimento será destinada ó desdobramento da autovía, que contará cunha partida neste 2018 de 250 mil euros para o inicio da redacción do proxecto, e para o que as contas autonómicas recollen un investimento total de 15 millóns de euros ata o ano 2021. Dende as filas populares destacouse ademais que as contas presentadas polo Goberno Galego prevén tamén un incremento notable en catro eixes fundamentais como son os servizos sociais, a sanidade, a educación e a creación de emprego.