Xa son 80 os positivos en Pontevedra relacionados co gromo de Mallorca

PONTEVEDRA> En Pontevedra, aumentan os contaxios relacionados co macro gromo de covid19 xurdido en Mallorca. A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é a máis afectada de toda Galicia e xa suma 80 positivos, a gran maioría na cidade pontevedresa. En todo o territorio galego hai un cento de casos confirmados. Mentres, en Pontevedra continúan cos cribados entre os estudantes de segundo de bacharelato de cinco institutos para detectar posibles contaxios. Un chamamento que está a ter unha acollida tímida entre a rapazada.

Preto de 360 estudantes de segundo de bacharelato de cinco institutos da cidade de Pontevedra están chamados a participar nos cribados cos que a área sanitaria busca localizar os afectados polo megagromo xurdido en Mallorca.

En Galicia hai un cento de casos confirmados; 80 en Pontevedra. Ademais, segundo apuntan dende a Consellería de Sanidade, ao redor da metade destes novos contaxios correspóndense coa variante delta.

Preocupa a escasa acollida que está a ter a convocatoria aos cribados. En xornadas anteriores a participación non chegou nin sequera ao 50%. Así as cousas, hoxe este dato medrou lixeiramente.

Os cribados continuarán mañá entre o alumnado de segundo de bacharelato dos institutos pontevedreses. Ademais, o mércores está programado un cribado específico a outros 330 mozos de entre 17 e 19 anos do concello de Poio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí