O debate sobre o peche de Raíña Vitoria chega ao Pleno municipal

PONTEVEDRA> O Teatro Principal de Pontevedra acolleu hoxe o Pleno municipal de outubro. O tema principal da sesión foi o peche da Avenida Raíña Vitoria. Tanto o PP como o concelleiro non adscrito, Goyo Revenga, mostráronse en contra desta medida e esixiron a realización dun estudo de tráfico na zona.

Continúa o debate sobre o peche da rúa Raíña Vitoria. Nesta ocasión, no Pleno Municipal. Tanto o PP como o concelleiro non adscrito Goyo Revenga pediron hoxe a reapertura desta Avenida e esixiron ao goberno local que realice un estudo de tráfico na zona. O voceiro popular acusou ao BNG de faltar ao respeto aos cidadáns e aos comerciantes e ao PSOE de actuar por “postureo”.

O concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, reiterou que esta decisión é permanente e indefinida e que é unha consecuencia da crise da Covid. Ademais, o edil nacionalista recoñeceu que si hai problemas de tráfico na zona pero, segundo el, estes problemas son previos ao peche de Raíña Vitoria.

Ante estas declaracións de Mosquera, os populares reiteraron que o peche de Raíña Vitoria é unha decisión política, pero, aínda así, preguntaron ao Goberno local por qué non se fai o mesmo en todos os centros da cidade se realmente é unha medida derivada da Covid.

A pesar das críticas que recibiu hoxe o PSOE, ningún dos seus concelleiros manifestouse sobre o peche de Raíña Vitoria. Finalmente, tanto a moción dos populares como a de Goyo Revenga foron rexeitadas por maioría cos votos en contra dos nacionalistas e dos socialistas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí