Continúa o peche dos bancos marisqueiros en Noia pola marea vermella

    NOIA> Os mariscadores confían en que a situación varíe e poder volver a semana que vén ó traballo. Malas novas para os mariscadores noieses. A presenza da marea vermella obrígaos a manter paralizada uns días máis a campaña extractiva. As últimas análises realizadas polo pósito e remitidos tanto a Intecmar como a un laboratorio privado evidencian a presenza de toxina na Ría. As chuvias caídas nos últimos días e a baixada de temperaturas parece que axudaron a rebaixar os niveis da marea vermella, pero aínda será necesario que baixen un pouco máis para poder abrir as concesións. A intención do pósito noiés pasa por volver a repetir estas probas nos próximos días, pero xa a últimos de semana, parece xa bastante complicado esta semana, ó ter que producirse dous resultados negativos consecutivos. Son xa máis de dúas semanas que os mariscadores non poden saír a faenar, o que supón para eles unha considerable merma de ingresos. As cifras que manexa a propia Confraría rondarían os tres millóns de euros O patrón maior Santiago Cruz lamentaba esta situación, aludindo á pouca sorte que volver a ter coa toxina, repetindose unha situación moi semellante á vivida o pasado ano. Por esta razón, dende o pósito noiés estanse a estudar tamén outras alternativas para que as consecuencias no sean tan graves en episodios futuros. Unha das medidas a introducir sería a realización das análises tmén nas fin de semana para evitar situacións como as vividas o pasado tres de outubro, na que os mariscadores realizaron o seu traballo habitual, e unha vez en terra decretouse o peche dos bancos, polo que o houbo que devolver o produto ó mar.