O PP da Pobra critica o cambio de postura do goberno con respecto ás naves dos Areos

A POBRA> Os populares da Pobra critican o cambio de postura do executivo en relación ás naves dos Areos. Tras anos apostando pola súa recuperación propoñen agora o derrube das fábricas. Aínda que dende o PP sempre defenderon esta opción, entenden que se teñen perdido fondos para acometer esta actuación ó longo dos últimos anos ante a negativa do goberno.

O PP da Pobra critica a actitude do goberno que no pasado pleno votaba en contra da proposta dos populares sobre as naves dos Areos. Os populares defenderon sempre a necesidade de derrubar as edificacións para recuperar a contorna natural da praia e do paseo. Unha proposta que se topou sempre coa oposición do resto dos grupos que defendían a recuperación e posta en valor das antigas fábricas de salgadura. Algo que agora veñen de rectificar tras un acordo coa Demarcación de Costas.

Aínda que se congratulan do cambio de postura, piden ó executivo que recoñeza o erro cometido nos últimos anos que implicou a perda de tempo e de fondos para acometer o proxecto.