Calvo incluirá os desprazamentos a Carballo na xornada dos traballadores desprazados de Esteiro

    MUROS> Principio de acordo entre o grupo Calvo e os traballadores da planta de Esteiro sobre as condicións do traslado a Carballo. No encontro celebrado este luns entre os representantes sindicais e a dirección da empresa acordouse a inclusión das dúas horas de desprazamento dentro da xornada laboral. Unha vez que o peche da planta da conserveira Calvo en Esteiro é definitivo, os traballadores tentan negociar agora as mellores condicións posibles para o seu traslado á factoría de Carballo. Nun encontro entre os responsables do grupo conserveiro e o comité de empresa, a dirección comprometeuse a incluír as dúas horas de traslado, unha de ida e outra de volta, no horario laboral dos traballadores. Horario que, por outra parte, será só en quenda de mañá para os traballadores desprazados dende Esteiro. A pesar de que a empresa accedeu a estas dúas demandas quedan aínda moitas propostas por concretar. Entre elas, os traballadores solicitan a posibilidade de acceder á prexubilación a partir dos sesenta e un anos así como a posibilidade de acollerse a unha prórroga dun ano para aqueles traballadores que, no caso de decidir non continuar na empresa, teñan dereito a compensación. Tamén plantexan a indemnización de corenta e cinco días por ano traballado para as xubilacións. A empresa comprometeuse a estudar estas estas propostas e dará unha resposta ós traballadores na xuntanza prevista para o martes da próxima semana.