RIBEIRA> O BNG celebrou unha reunión interparlamentaria sobre o sector do mar. Contou coa presenza da portavoz nacional, Ana Pontón, e a candidata nacionalistas ás eleccións europeas, que destacaron a importancia de ter voz en Burxelas para defender os intereses de Galicia en materia de pesca.
O BNG celebraba esta mañá na lonxa de Ribeira unha xuntanza de traballo en clave pre-electoral para analizar os retos de futuro do sector pesqueiro e a importancia de ter presenza en Bruxelas de cara ás eleccións europeas do vindeiro 9 de xuño. Ter capacidade de voto e de veto en Europa é fundamental polo que levarán no seu programa a declaración oficial de Galicia como zona altamente dependente da pesca.
Isto permitiría defender os intereses do sector fronte a decisións comunitarias que supuxeron un grave prexuízo para a flota galega como o veto ó arrastre de fondo
Nesta mesma liña, demandan que a institucións europeas respecten as competencias exclusivas de Galicia en materia pesqueira para poder facer fronte a moitos dos problemas que arrastra a pesca artesanal e o marisqueo. Propoñen os nacionalistas unha serie de medidas que permitan recuperar a produtividade das rías, en caída libre nos últimos anos. Ademais dun estudo científico e un plan de rexeneración, destacan a necesidade de habilitar axudas directas para os produtores afectados así como un seguro público de produción marisqueira.
Apostan tamén dende o BNG pola promoción de hatcherys públicas ou mixtas, a elaboración dun protocolo de baleirado de encoros para evitar a perda de salinidade da auga así como o traspaso das competencias en materia de xestión do litoral a Galicia.











