A piscina municipal de Rianxo contará cons instalacións para o tratamento termal

    BARBANZA > O presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, desprazouse ata o concello de Rianxo para asistir á presentación do proxecto da piscina municipal para o cal o ente provincial achegará unha contía dun millón e medio de euros. As novas instalacións contarán con piscina de iniciación, jacuzzi e tratamento termal así coma ximnasio, sauna e sala de masaxes.

    moredarianxo_200_120606.jpgO presidente da Deputación chegou ó concello rianxeiro acompañado do responsable provincial de Deportes, Ramón Quintáns, onde foron recibidos polo alcalde, Pedro Piñeiro.

    Alí, asistiron á presentación do proxecto da piscina municipal, a cargo do arquitecto Francisco Otero. As novas instalacións, que se ubicarán nas pistas de portivas do Campo de Arriba, constarán de soto e pranta baixa. Nesta última emprazarase a piscina climatizada cun vaso de 25 por 12’5 metros e un volume de cincocentos metros cadrados. Instalaranse ademais tres vasos accesorios consistentes nunha piscina para a iniciación á natación, un jacuzzi e unha destinada ó tratamento termal. Nesta planta situaranse tamén os vestiarios, a sala de masaxe, a sauna, o baño turco e unha enfermería.

    O soto acollerá o ximnasio e cuarto de instalacións.

    A aportación de millón e medio de euros por parte da Deputación fará posible a execución deste proxecto que podería estar adxudicado para o verán.

    O importe total do proxecto ascende a un millón seiscentos oitenta mil euros polo que o concello terá que aportar os 180 mil euros restantes. Sen embargo, a deputación podería aminorar a achega municipal se hai baixas noutros proxectos.

    O alcalde rianxeiro aproveitou a presenza do responsable provincial para lembrarlle a necesidade dunha vía de circunvalación para Rianxo así como da continuación das obras na travesía de Rinlo, destacando a estreita colaboración mantida entre as dúas administracións.

    Así mesmo, referiuse ás aportacións do ente provincial para proxectos que xa están en marcha como son o auditorio, o alumeado da ponte de Catoira ou a adquisición da casa de Manuel Antonio para a Academia Literaria. Destacou tamén as obras incluídas no POS 2006 como as redes de saneamento en Burés, Campo da Ponte e Laxe, a construción de beirarrúas en Isorna ou a instalación dun pozo de bombeo en Monte Grande.

    Con anterioridade, Fernández Moreda acudiu ó centro de día que a asociación AMICOS de Barbanza ten en Oleiros (Ribeira) para facer entrega dun vehículo adaptado para o transporte de persoas discapacitadas. A adquisición deste furgón por parte da asociación ‘Integrados’ foi posibles grazas a unha achega da Deputación próxima ós doce mil euros.moredaamicos_200_120606.jpg

    Este vehículo, con capacidade para o transporte de nove persoas e dúas cadeiras de rodas, permitirá ás dúas asociacións os desprazamentos de tódolos seus membros independentemente do seu grao de discapacidade, garantindo a súa total accesibilidade.

    Durante a súa visita ás instalación do centro de día de AMICOS, que están a ser reformadas grazas a unha subvención da Deputación, Fernández Moreda destacou a importancia da colaboración con este tipo de asociacións. Nesta liña anunciou que a Deputación seguirá a aportar axudas para mellora-la calidade de vida das persoas discapacitadas colaborando con varias entidades barbanzás.

    O alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, agradeceu ó presidente da Deputación a súa implicación neste eido lembrando a gran labor levada a cabo polas asociacións AMICOS e Integrados que dan servizo a cento sesenta persoas. O concello ribeirés tamén aportou o seu grao de area coa cesión dos terreos próximos ó centro de día para a ampliación do mesmo.

    Redacción Barbanza