Pola mellora do sistema público de pensións

    RIANXO> Un grupo de veciños concentrouse esta mañá para reclamar a suba das pensións. A mobilización partiu do Movemento Galego en Defensa das Pensións, e nela tamén tomaron parte membros da plataforma pro-centro de día. Atendendo a unha convocatoria a nivel estatal, un grupo de veciños da comarca concentrouse ás portas do edificio do Instituto Social de la Marina en Rianxo para demandar unha mellora do actual sistema público de pensións. Entre outros aspectos denunciaban a situación actual, despois das reformas lexislativas promovidas polo Goberno Central nos últimos anos que están a supoñer unha merma moi importante no poder adquisitivo dos pensionistas. Dende Movemento Galego en Defensa das Pensións reclaman ademais que o sistema de pensións da Seguridade Social estea garantido polos Presupostos Xerais do Estado e que se restableza a idade ordinaria de xubilación ós 65 anos. Tamén piden a recuperación do subsidio para maiores de 52 anos e unha pensión mínima de 1084 euros, como recolle a Carta Social Europea.