BARBANZA> Outro dos puntos da nosa atención nesta xornada estivo centrada nos centros educativos. Como era de agardar a maioría dos pais optaron por deixar ós seus nenos na casa. Sen datos oficiais ó respecto, tan só un quince ou un vinte por cento do alumnado foi hoxe a clase.
Imaxes como esta, de cadeiras e clases baleiras, eran a tónica na maioría de colexios e institutos da zona…Aínda que a de hoxe era unha opción voluntaria a tomar polos propios pais, xa que a suspensión da actividade docente será efectiva a partir do vindeiro luns, e durante quince días, a verdade é que a ampla maioría do alumnado, tanto de infantil como de primaria e secundaria, non asistiu xa esta mañá a clase, atendendo así á chamada das distintas Administracións, dentro da toma de medidas para tratar de frear o avance do coronavirus.
Para a maioría do profesorado este parón, como mínimo de dúas semanas, vai afectar a dinámica do curso. Aínda así fan unha chamada ás familias para que colaboren na medida do posible para que os rapaces fagan o traballo na casa que lle será enviado telematicamente dende os centros.
Así que moitos país, ante a suspensión das clases nos colexios, institutos e garderías, tiveron que buscar alternativas. Os que puideron: traballo dende a casa e os que non, deixalos cos seus avós. Unha medida esta última pouco aconsellable, ó tratarse precisamente dun dos grupos máis vulnerables.