Baixa a concentración de toxina na ría de Noia

    NOIA> Os mariscadores de Noia poderían volver ó traballo o próximo luns de confirmarse o segundo resultado negativo das analíticas. Tras case un mes de peche, dende a confraría amósanse aínda moi cautos e no caso de que o Intecmar decrete a reapertura, realizarán unha nova analítica o domingo. O pasado mércores, as análises levadas a cabo tanto polo laboratorio privado como polo Intecmar confirmaron a baixada da concentración da toxina, cun resultado negativo aínda que moi xusto. Este venres as mostraxes realizadas pola empresa privada revelan unha situación semellante. Á espera de obter o resultado das mostras do Intecmar, a reapertura podería ser unha realidade de cará ó vindeiro luns. De confirmarse á volta ó traballo, a confraría pretende facelo con tódalas garantías polo que teñen previsto realizar analíticas o domingo co fin de confirmar de que o marisco a extraer o luns reúne as condicións óptimas para a súa comercialización. Ademais da proposta de ampliar a campaña ata finais de abril para compensar este peche, que xa vai camiño dun mes, o cabildo ten intención de aumentar os topes ata corenta quilos de berberecho para os mariscadores a flote e vinte e cinco os de a pé, a partir de novembro.